Información para o cidadán

Información para o cidadán

Instrucións previas sobre coidados e tratamento da saúde

Que é o documento de instrucións previas?
É o documento no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e sobre o destino final do seu corpo, co fin de que esta vontade sexa coñecida e respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala.
Quen pode outorgar o documento de instrucións previas?
Calquera persoa maior de idade que estea capacitada e actúe libremente.
Cal debe ser o contido deste documento?
O documento deberá ter en todo ou parte o seguinte contido:
  • Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante.
  • Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.
No documento tamén se poderá nomear unha persoa representante para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co médico ou co equipo sanitario que presta a asistencia para procurar o cumprimento das instruccións previas.
Recoméndase elixir unha persoa próxima e de confianza que coñeza e respecte a vontade do outorgante. É importante sinalar que o prepresentante interlocutor non debe sentir o peso pola responsabilidade que supón a súa designación, máis ben, a tranquilidade de estar a colaborar para que se cumpran os desexos do outorgante.
O outorgante poderá tamén designar un subsitituto do representante, que exercerá as súas funcións en caso de falecemento, incapacidade ou imposibilidade de consulta co representante.

Como se outorga o documento de instrucións previas?
O documento de instrucións previas debe estar formalizado mediante algún dos seguintes procedementos:
  • Ante tres testemuñas maiores de idade e con plena capacidade de obrar, das cales dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante.
  • Ante notario.
  • Ante o persoal do Rexistro galego de instrucións previas ou das unidades habilitadas. Se quere vostede formalizar o seu documento ante este persoal, debe pedir cita previa no teléfono do Rexistro ou da unidade habilitada correspondente (aparecen no menú a dereita desta páxina) e levar con vostede, o día que se lle asigne, o seu DNI/NIE.
A quen vai dirixido o documento de instrucións previas?
As instrucións manifestadas no documento van dirixidas ao médico ou ao equipo sanitario que preste a asistencia á persoa outorgante, e unicamente terán eficacia cando a mesma se atope nunha situación que non lle permita expresar persoalmente a súa vontade.
Que é o Rexistro galego de instrucións previas?
É un rexistro dependente da Consellería de Sanidade, no cal os outorgantes, se así o desexan e cumprindo os requisitos establecidos, poderán inscribir o seu documento de instrucións previas, ou se é o caso, a súa substitución ou a súa revogación.
 
A finalidade do rexistro é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do dito documento chegada a situación en que sexa necesario telo en conta.
 
Este rexistro estará suxeito ás debidas precaucións de seguridade e confidencialidade.
 
Co fin de garantir a súa eficacia en todo o territorio nacional, o Rexistro galego de instrucións previas estará interconectado co Rexistro nacional onde se recollen as instrucións previas inscritas nos distintos rexistros autonómicos.
Onde se dirixe a solicitude de inscrición no Rexistro galego de instrucións previas?
A inscrición dun documento de instrucións previas farase a solicitude da persoa outorgante, cubrindo o modelo creado para o efecto.
 
Este modelo está dispoñible no Rexistro galego de instruccións previas e nas unidades habilitadas. Tamén pode descargarse no apartado "Modelos", que aparece no menú á dereita desta páxina.
 
A solicitude -dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade- deberá presentarse no Rexistro galego de instrucións previas ou en calquera das súas unidades. Tamén poderá presentarse en calquera centro do Servizo Galego de Saúde onde se lle dará traslado á unidade do Rexistro que corresponda; ou mediante algún dos medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións.
Que documentación hai que presentar para rexistrar o documento de instrucións previas?
A solicitude irá acompañada en sobre pechado da seguinte documentación:

 

No caso de terse formalizado ante testemuñas:

  • Documento orixinal de instrucións previas asinado pola persoa outorgante e as tres testemuñas. Deben constar nome, apelidos e DNI/NIE do outorgante e lugar e data de outorgamento. É recomendable paxinalo e asinalo en todas as páxinas.
  • Declaración responsable de cando menos dúas das tres testemuñas de non ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante. Así mesmo, debe expresar que a persoa outorgante é maior de idade, non lles consta que estea incapacitada e que asina o documento libremente na súa presenza.
  • Copias dos DNI/NIE da persoa outorgante e das testemuñas, agás que autoricen expresamente a consulta dos seus datos de identidade conforme aos anexos I e II da solicitude de inscrición.
  • No caso de que o outorgante designe unha persoa representante e, de ser o caso, un substituto, deberá así mesmo xuntar: copia do DNI/NIE da persoa representante e, de ser o caso, do seu substituto, agás que autoricen expresamente a consulta dos seus datos de identidade conforme ao anexo III da solicitude de inscrición.

No caso de terse fromalizado ante notario:

  • Copia autorizada do documento de instrucións previas.
  • Copia do DNI/NIE da persoa outorgante, agás que autorice expresamente a consulta dos seus datos de identidade conforme ao anexo I da solicitude de inscrición.
  • No caso de que o outorgante designe unha persoa representante e, de ser o caso, un substituto, deberá así mesmo xuntar: copia do DNI/NIE da persoa representante e, de ser o caso, do seu substituto, agás que autoricen expresamente a consulta dos seus datos de identidade conforme ao anexo III da solicitude de inscrición.

No caso de formalización ante persoal do Rexistro de instrucións previas/unidades habilitadas:

  • No propio Rexistro/unidade habilitada, unha vez formalizado o documento, iniciaranse os trámites para a inscrición a petición do outorgante (lembre que debe levar o seu DNI/NIE e, de ser o caso, a copia/s do/s DNI/NIE da persoa nomeada representante/substituto, agás que estes autoricen expresamente a consulta dos seus datos de identidade conforme ao anexo III da solicitude de inscrición).
En todo caso, é importante que o outorgante quede cunha copia do documento de instrucións previas.
Existe a posibilidade de revogar o documento?
En calquera momento o documento de instrucións previas poderá ser obxecto de substitución ou de revogación por parte da persoa outorgante, deixando constancia por escrito formalizado (ante testemuñas ou ante notario ou ante persoal do Rexistro galego de instrucións previas/unidades habilitadas).