O Servizo de Psiquiatría e promoción da Saúde Mental da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, ocúpase da prevención, avaliación, diagnóstico, tratamento e rehabilitación dos trastornos mentais e do comportamento da área Sanitaria de Santiago de Compostela, e os municipios de A Estrada, Lalín e Cuntis, da área Sanitaria de Pontevedra. O Servizo conta coa estrutura de dispositivos asistenciais máis completa da Comunidade, polo que resulta o lugar de referencia comunitario para a formación de especialistas en Psiquiatría e Saúde Mental. Conta con formación acreditada para médicos Psiquiatras (MIR) e Psicólogos Clínicos (PIR), e en trámites de contar coa acreditación docente multiprofesional, que incluiría a formación de Enfermería en Saúde Mental (EIR).
Na actualidade, existe unha única cultura e pleno funcionamento coordinado de todos os dispositivos de atención psiquiátrica e saúde mental da área, con funcionamento integrado coas unidades de atención a drogodependentes, en base á atención comunitaria, que ten como eixo central as unidades de saúde mental e como filosofía a continuidade de coidados de saúde en coordinación con Atención Primaria.