O Servizo de Neuroloxía conta cun grupo hospitalario de atención a familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias. Conscientes do enorme peso e carga que leva consigo ter a un enfermo desta patoloxía no fogar, o grupo ten como obxectivo dotar os coidadores das ferramentas e destrezas necesarias para poder levar a cabo o seu traballo desde a base do coñecemento e a formación. Por outro lado, pretende prestar especial atención a todas aquelas situacións que necesiten soporte emocional e solucións encamiñadas a mellorar a adaptación á situación de coidado, en aras de ofrecer un servizo integral de apoio á familia e tendo en conta sempre as necesidades particulares de cada caso.